A historia do CRC

HISTORIA DO CRC


O Circulo Recreativo Cultural, sito en pleno centro do municipio é un espazo privilexiado, polo seu emprazamento, na Rúa Domingo Bueno, pero tamén polas súas instalacións: cun gran salón de actos, pistas deportivas, piscina, biblioteca, aula de xogos….

Sen embargo, e a pesar do evidente, en realidade o CRC é moito máis que este espazo. É unha idea. Un soño que nace nos anos 50 para dotar ao municipio dun entorno cultural que non existía. Con esa idea Perez Leirós diríxise á Peña Terpsícore, unha sociedade que organizaba e patrocinaba bailes de salón na vila, para cederlles un local. Un baixo no seu edificio da rúa Ramón González 60. É nese espazo e cos seus fondos, co que o 8 de xullo de 1956 créase unha xunta xestora presidida por Antonio Valverde Mayo. Nun Porriño de posguerra ávido de pechar feridas e facelo co anestésico da cultura, esa sociedade abriuse de par en par a todas ás voces, sobre todo as do galeguismo. Só había dous temas tabús, prohibidos por estatuto: a política e a relixión.

Nacía así o Círculo Recreativo Cultural: a Sociedade. Fíxoo con tanto atino que pronto os socios e actos culturais fixeron a sede pequena. Foi cando chegou Xosé Fernández López, que xunto a importantes empresarios da época posibilitan a compra da finca da familia Giannoti e fan de aval dos créditos que posibilitaron a construción do edificio que nace, ademais de cun gran salón de baile, cunha biblioteca, porque a cultura sempre foi o alicerce desta sociedade. Un espazo que albergaría charlas, confencias e tertulias con Álvaro Cunqueiro, con Blanco Amor, con Celso Emilio Ferreiro ou Torrente Ballester. Polo seu escenario pasaron Rafael Sebastiá, Pilar Bilbao, Els Joglars ou Teatro Libre… Era un continente cheo de contido que chegaba de fóra pero que nacía tamén no seu interior: o CRC é berce dunha Coral Polifónica, de AFA, a Asociación de Fotografía Aficionada, da revista Acougo, das conferencias de A Rebotica, do grupo de danza Aboengo, da implantación das Romerías Galegas, ou os Premios Círculo, os más prestixiosos galardóns que entrega a Vila.

En paraleo foi berce de clubes deportivos e de grandes deportistas. No Circulo construíuse a primeira piscina de uso público do Porriño, xurdiron torneos, campionatos, escolas de fútbol sala, de natación, de balonmán, de ximnasia rítmica….

Foi sempre, ademais lugar de encontro, primeiro cos bailes de sociedade, coas postas de largo, pero tamén coas celebracións de entroido, os guateques, as festas, a troula…

O Círculo é a historia viva do Porriño, pero é tamén a historia de varias xeracións. De pandillas que quedaban nos billares ou na piscina, de primeiros bicos baixo algunha das súas árbores, de cativos que medraron no seu parque infantil, de pais e nais que os vixiaban dende a terraza da cafetería. Era un lugar seguro coas súas vallas aberta no medio do pobo, un lugar de cultura, de proxectos, de familiaridade. Onde os conserxes coñecían a cada un polo seu nome e onde os libros, a música e a arte sempre tiñan un oco.

O Círculo segue sendo iso. Agora con wifi e ordenadores. Con espazos que seguen crecendo para adaptarse a esta nova Sociedade como o fixeron dende 1954.

Circulo recreativo cultural de porriño CRC